12 de febreiro. En pouco máis de dúas semanas terá lugar a xornada de votación para a escolla da que será a primeira reitora nos 530 anos de historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta é a data escollida para a primeira volta, trala cal -ao día seguinte- se procederá á proclamación provisional da candidata electa (ou candidatas que concorrerán á segunda volta). De ser necesaria, esta nova votación tería lugar o 11 de marzo.
As candidatas que se presentan á dirección deste cargo son Dª Rosa María Crujeiras Casais, Dª María Teresa Flores Arias, Dª María José López Couso e Dª Mª da Alba Nogueira López, todas profesionais de recoñecido prestixio académico, investigador e docente.
O calendario electoral da primeira volta desta elección dispón a presentación de posibles recursos ante a CEC contra a proclamación provisional da candidata electa (ou candidatas que concorrerán á segunda volta) para as xornadas comprendidas entre o 18 e o 24 de febreiro, sinalándose a proclamación definitiva da reitora electa (agás no caso de que sexa necesaria segunda volta) para o 26 de febreiro, é dicir, dentro dun mes.
No caso de precisarse unha segunda volta, as datas serían as que seguen:
- Prolongación da Campaña electoral da segunda volta, entre o 27 de febreiro e o 9 de marzo
- Xornada de reflexión: o 10 de marzo
- Votación da segunda volta (de ser o caso): 11 de marzo
- Proclamación provisional da reitora: 12 de marzo
- Recursos ante a CEC contra a proclamación provisional, entre o 13 e o 20 de marzo
- Proclamación definitiva reitora electa: 23 de marzo
Deja tu comentario