Chegou o outono e con el ducias de plans! A nova programación cultural da USC achega aos campus de Santiago e Lugo unha ampla oferta de actividades que levan a acción cultural máis alá das aulas, co obxectivo de fomentar o espírito crítico do alumnado mediante eventos de acceso libre.

O Outono Cultural está pensado principalmente para o estudantado da USC, aínda que todas as propostas están abertas á participación do público en xeral. Cada actividade conta con condicións de acceso específicas, determinadas tanto pola natureza do evento como polo espazo no que ten lugar. Toda a información actualizada sobre a programación pode consultarse na axenda cultural da Universidade.

Así, este outono é unha ocasión perfecta para deixarse levar pola curiosidade e vivir novas experiencias en Santiago de Compostela. Concertos, obradoiros, exposicións, cine, teatro e encontros con creadoras e creadores achegarán ao campus unha programación diversa e chea de vida. Participar nestas actividades é unha oportunidade para descubrir novos intereses, facer comunidade e gozar da cultura dun xeito aberto e participativo.

Dende a residencia convidámoste a saír da rutina e mergullarte nesta proposta cultural que transforma o día a día universitario nun espazo de aprendizaxe e inspiración. Non o deixes pasar: o Outono Cultural agárdate!