O Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC pon en marcha unha nova edición dos Encontros na Zona USC, unha iniciativa que permitirá ao estudantado preuniversitario achegarse á Universidade de Santiago de Compostela e coñecer de maneira directa tanto a súa oferta académica como os servizos dispoñibles. As actividades desenvolveranse en Compostela os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro, e no Campus de Lugo os días 24 e 25 do mesmo mes.
Cada estudante poderá escoller un único percorrido entre os que se ofertan nos dous campus. Tal e como sinalan desde o programa A Ponte, “cada estudante pode seleccionar o itinerario que máis se axuste aos seus intereses, sen necesidade de que toda a clase siga o mesmo”. Nos formularios de inscrición, que se abrirán o 16 de xaneiro para Lugo e Santiago, cada centro de Ensino Medio deberá indicar os seus datos, os da persoa acompañante, a data da visita e o número de estudantes que participarán en cada percorrido. Nalgúns casos, existe a opción de elixir un itinerario centrado nun único centro (Facultade ou Escola) ou combinar dous centros nun mesmo percorrido.
No Campus de Lugo ofreceranse sete itinerarios, xunto coa visita á Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay. Pola súa banda, no Campus de Santiago haberá 17 percorridos diferentes e incluiranse visitas ás residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións. Desde o programa A Ponte destacan que “esta actividade brinda ao alumnado de Ensino Medio unha primeira toma de contacto coa Universidade, permitindo visitar os centros dos campus de Lugo e Santiago e recibir información directa sobre os estudos que se imparten”.
Na edición anterior participaron un total de 6.242 estudantes procedentes de 119 centros educativos: 5.380 estudantes de 103 centros no Campus de Santiago e 862 estudantes de 16 centros no Campus de Lugo.
Deja tu comentario