A Universidade será presencial e aposta polos aforos reducidos para o vindeiro curso.
Logo de meses de adaptación a distintos escenarios, as universidades galegas afrontarán o vindeiro curso cunha aposta pola presencialidade.
É o que se desprende dunha resolución da Consellería de Educación que propón -sempre e cando a situación sanitaria o permita- un regreso ás aulas físicas para todas aquelas actividades académicas que se viñan levando a cabo deste xeito con anterioridade á pandemia. Será así nas tres universidades galegas: a de A Coruña, a de Vigo e a de Santiago de Compostela, centro de referencia para Residencia Universitaria Rosaleda.
Así as cousas, o límite segue a estar posto no aforo dos espazos. En concreto, as tres universidades galegas xunto co citado departamento autonómico veñen de acordar unha ocupación máxima do 50%. Na práctica, nunha aula tipo de universidade isto supón o uso só da metade dos postos totais previstos para o alumnado, polo que por exemplo nas bancadas deberá deixarse sempre unha praza baleira entre dúas empregadas.
Estas cuestións relativas a un escenario de normalidade adaptada contémplase tamén nas guías docentes das materias. Deste xeito, se ben estes documentos que recollen toda a información necesaria sobre cada unhas das disciplinas -competencias, planificación, atención ao alumno, bibliografía ou avaliación- se presentan en liñas xerais contando con esa volta á presencialidade, tamén se integra nelas un posible plan de continxencias que se aplicaría no caso de ser necesario, tal e como se fixo no curso que vimos de despedir.
Prudencia e avaliación continua
Por outra banda e facendo referencia á experiencia acadada nos dous últimos anos académicos, recoméndase especialmente para o primeiro cuadrimestre do curso 21/22 un retorno á universidade presencial con moita prudencia. Isto fai referencia ao control dos aforos e das distancias mínimas, que se fixan en 1,2 metros. Ademais, tamén se recomenda ao claustro de profesorado unha introdución paulatina de novos métodos de avaliación, apostando cada vez máis por técnicas de control continuado.
Deja tu comentario